Bibliotecas para Vigo: unha experiencia na aula de uso das redes sociais e de política 2.0

Fai un mes propuxen en clase de TIC de 1º bacharelato D realizar unha actividade de uso das redes sociais e de paso ilustrar de xeito práctico o concepto de Política 2.0, agora que estamos coas eleccións.
Coa colaboración dun pai dun alumno redactamos unha petición na coñecida páxina change.org coa que puidera estar toda a clase de acordo: CREAR UNHA REDE DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS NOS BARRIOS DE VIGO, petición dirixida aos candidatos e candidatas á alcaldía de Vigo (e que por razóns prácticas limitamos aos 4 principais: PSOE, PP, BNG e Marea Ciudadana). A petición foi escrita ao meu nome.

petición en change.org coas sinaturas conseguidas
O traballo do alumnado consistiu en difundir a petición polas diversas redes sociais: twitter, facebook, google +...

Un mes despois o resultado: 7178 sinaturas!. Este resultado ilustra o tema do que se quería falar: o poder das redes sociais para difundir información e que a xente poda participar en asuntos públicos, ou sexa na política ben entendida. Por suposto o "problema" das redes sociais é que, tanto adultos coma adolescentes, están a utilizalas primordialmente para falar só de temas privados (o cal non é malo sempre que se faga en privado e non en público coma por exemplo en twitter) ou de temas insulsos coma os que saen na televisión polo xeral e que ocultan o que deberían ser os temas de interese para a cidadanía.

O xoves 14 de Maio acudimos á oficina dos partidos políticos no Concello (no caso de Marea Ciudadana acudimos á súa sede) e fixemos entrega das sinaturas (penso que entrar nas "entrañas" do Concello tamén foi unha boa experiencia para o alumnado).
alumnado de 1º Bach. D coas sinaturas na porta do Concello

P.S.: sería interesante agora comentar a opinión de parte do profesorado e dos pais e nais do alumnado: "isto non serve para nada!, é unha perda de tempo!, non vos van facer caso!, o que teñen que facer estes alumnos é estudar!...".
Isto ilustra demasiado ben o espírito da nosa época: o UTILITARISMO é a ideoloxía única, e calquera cousa que non se perciba coma directamente útil está condenada de antemán. E o malo é que moitas veces dende clase estamos a inculcar esta ideoloxía (de xeito inconsciente, iso si). Reivindiquemos, unha vez máis, o valor das cosas inútiles: ler libros e comics, ver pelis distintas, usar linux, apagar a tele, ter opinións minoritarias...

E como cantaban LOS ILEGALES en "África paga":

"...iremos juntos, hacia el infierno...
...todo es mejor que quedarse a mirar."

Entradas populares